Tuesday 07 de May de 2024

O concello repartirá máis de 3.000 euros en premios no concurso de disfraces do martes de Entroido


A verbena amenizada pola Orquesta Los Satélites principiará ás 17:00 horas.

Mañá será o Martes de Entroido, festivo local no Concello da Laracha e data principal do programa municipal de actividades que se está a desenvolver desde onte.

Ás 17:00 horas principiará na Praza do Concello a verbena que estará amenizada pola Orquesta Los Satélites. No descanso da mesma realizarase o tradicional desfile do concurso de disfraces, no que se van repartir máis de 3.000 euros en premios a outorgar polo xurado formado por representantes do tecido asociativo municipal. Nas categorías individuais (infantil e adultos) as contías dos premios serán de 60, 50 e 40 euros para os tres primeiros clasificados de cada unha delas. En parellas as gratificacións económicas alcanzarán os 70, 60 e 50 euros. Os grupos optarán a 200, 150 e 100 euros. Os premios para as comparsas ascenden a 600, 500 e 400 euros. Ademais, ata un máximo de dez comparsas non premiadas poderán obter un accésit de 100 euros polo feito de participar.
Aqueles participantes no concurso que formalizaron a súa inscrición para confirmar a asistencia e poder formar parte do desfile deben recoller o seu número identificativo entre as 17:00 e as 18:00 horas na Casa do Concello.

Festa infantil do domingo de Entroido

O programa de Entroido da Laracha comezou no día de onte coa multitudinaria festa infantil celebrada no pavillón do IES Agra de Leborís na que a rapazada puido desfrutar cos inchables, xogos interactivos, mascotas e un DJ que propuxo coreografías e bailes.

Obradoiros infantís

Aproveitando as vacacións nos centros de ensino, o Concello tamén organizou esta mañá obradoiros de elaboración de máscaras e bichiños con lingua nos que participaron, en dúas quendas, unha trintena de nenos.

O mércores pola tarde haberá obradoiros de Entroido para alumnos de primaria, xa con todas as prazas ofertadas cubertas.